Friday 03 de May de 2024

O Concello de Oleiros rexeita a construción da pasarela entre Oza e Santa Cristina


O Concello de Oleiros quere manifestar unha vez máis a súa posición totalmente contraria á construción da pasarela Oza-Santa Cristina, por entender que a actuación supón un maltrato ao medio desde o punto de vista ambiental e paisaxístico. O mesmo Goberno municipal que liberou a praia de Santa Cristina –espazo de propiedade privada ata a década dos 70-, non pode consentir ningún ataque contra a preservación e coidado da natureza deste entorno.

O Concello de Oleiros apoia e apoiará a mobilidade urbana e os investimentos en infraestruturas. O Goberno municipal sempre cooperará nas actuacións que se realicen por calquera administración que persigan a mellora de comunicacións na área metropolitana e o crecemento e progreso na zona. Pero, considerando que existen alternativas moito máis respectuosas coa contorna, o prexuízo ao medioambiente e o maltrato á paisaxe é un prezo que non se pode pagar por conectar A Coruña e Oleiros mediante un paseo peonil e ciclista.

Considérase por parte do Concello de Oleiros que existen outras actuacións prioritarias de cara ao fomento da mobilidade entre os dous municipios afectados: a conexión marítima que una Santa Cristina e Mera coa Coruña, a implantación da liña de autobús urbano 1A ata Oleiros durante todo o ano e non unicamente no período estival, a mellora da rede viaria autonómica, a creación dun paseo costeiro entre Oza e A Pasaxe para conectar co de Culleredo e coa futura ponte ciclopeonil da Pasaxe… Medidas que se poden adoptar de xeito practicamente inmediato e que redundan nun incremento das conexións e opcións de transporte para a cidadanía.

É de lamentar tamén que o asunto non fose tratado pola Xunta de Galicia co nivel de dilixencia que se merece. Supostamente, era unha obra cunha entidade máis que suficiente como para que a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, convocase os alcaldes e informase debidamente sobre o proxecto. Non o fixo.